As tetraciclinas son un grupo de antibióticos de amplo espectro entre os que destacan a tetraciclina e a terramicina (oxitetraciclina). Algunhas son naturais orixinadas polas bacterias do xénero Streptomyces e outras semisintéticas. A súa utilidade terapéutica viuse ultimamente reducida pola aparición de resistencias bacterianas a eles, pero aínda así seguen sendo o tratamento de elección para moitas doenzas específicas.
O seu nome procede da estrutura de catro aneis ou ciclos que presentan. A IUPAC defíneos como "unha subclase de policétidos que teñen un esqueleto de octahidrotetraceno-2-carboxamida" [1].